Santiago de Compostela acolleu o acto conmemorativo dos 600 anos da chegada do pobo xitano a España [editar]
O Teatro Principal de Santiago acolleu unha homenaxe aos 600 anos da chegada do pobo xitano á Península, organizada pola Fundación Secretariado Gitano. O acto combinou música, historia, recoñecemento educativo e intervencións institucionais.
Na tarde do 27 de outubro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu un emotivo acto organizado pola Fundación Secretariado Gitano (FSG), en homenaxe aos 600 anos da chegada do pobo xitano á Península Ibérica. A celebración, que reuniu a representantes institucionais, alumnado, profesionais da entidade e público xeral, serviu como espazo de recoñecemento, memoria e celebración compartida.
O evento comezou ás 18:00 horas cunha peza musical e a benvida institucional a cargo de Eva Vera, directora autonómica da FSG en Galicia. A continuación, Manuel e Isa, membros da comunidade xitana, ofreceron unha intervención histórica que percorreu os principais fitos da presenza xitana en España, desde a chegada como peregrinos no século XV ata os episodios de persecución como a Gran Redada de 1749, pasando polo impacto do racismo institucional ata ben entrado o século XX.
Durante o acto, proxectouse o corto audiovisual “El Buen Rey” e subiu ao escenario un grupo de alumnado xitano que titulou o pasado curso escolar, aos que se lles fixo entrega dun diploma conmemorativo como recoñecemento ao seu esforzo e superación. A entrega foi realizada por Diego Calvo, conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Fabiola García, conselleira de Política Social da Xunta de Galicia; e María Rozas, concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago. Entre as autoridades tamén estaban presentes o director xeral de Inclusión Social e membros da corporación municipal de Santiago de Compostela.
Tamén interviñeron Diego Calvo, conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, quen destacaron a importancia de construír pontes de diálogo e recoñecemento entre culturas.
O acto pechouse cunha nova actuación musical de “Tacon Gitano” e cunha foto de grupo do alumnado participante, nun ambiente de celebración e orgullo colectivo.
Esta conmemoración forma parte das actividades impulsadas pola FSG no marco dos 600 anos de presenza xitana en España, unha historia compartida que, sen pretender concluírse nun só evento, continúa a escribirse cada día desde o compromiso coa igualdade, a educación e a inclusión.
Enlaces
- A Xunta reafirma o seu compromiso coas persoas xitanas en Galicia na conmemoración dos 600 anos da chegada deste pobo á Península Ibérica. Xunta de Galicia
- Celebración de la llegada del pueblo gitano. La Voz de Galicia
- Homenaxe aos 600 anos da chegada do pobo xitano á península ibérica. Telexornal Serán. AGalega (min 20.14)
- Celebración da chegada do pobo xitano. La Voz de Galicia















